Thursday 19 de September de 2024

López Campos anima aos galegos a seguir fomentndo hábitos lectores na Feira do Libro da Coruña


— O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude lembra durante a inauguración desta cita que “o sector libreiro é un dos eixos estratéxicos do plan de medidas que imos poñer en marcha para incrementar os índices de lectura da poboación”

— Agradece a implicación de todos os axentes na organización desta convocatoria posta en marcha pola Xunta e a Federación de Librarías de Galicia

— A da Coruña é a décima parada dun circuíto que forma parte do programa de actividades do verán do Goberno galego, o ‘CulturON’

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na inauguración da Feira do Libro da Coruña, unha grande oportunidade, dixo, “para mergullarse nunha práctica, a da lectura, que nos fai medrar como persoas e adquirir coñecemento e coa que desde a Administración autonómica estamos totalmente involucrados“.
Así, o titular de Cultura agradeceu a implicación de todos os axentes que fan posible o desenvolvemento da iniciativa posta en marcha polo Goberno galego e a Federación de Librarías de Galicia. Neste senso, lembrou que o sector do libro “é fundamental na procura de incentivar os hábitos lectores entre a poboación” e destacou que, de feito, “figura como un dos eixos estratéxicos do Plan de dinamización para incrementar os índices de lectura en Galicia, anunciado no pasado Consello da Xunta, e que recolle máis de cen medidas”
Deste xeito, durante o acto, López Campos resaltou algúns dos obxectivos neste eido, como son consolidar a industria galega do libro e implicar a creadores, editoras, librarías e distribuidoras no fomento da lectura, así como impulsar a produción editorial galega, incluíndo os novos formatos.
Un plan, que tal e como explicou, fixa no horizonte de 2030 conseguir que o 70% da poboación lea libros por ocio no seu tempo libre polo menos unha vez ao trimestre e que un 60% de persoas realicen esta acción como mínimo unha vez á semana. Outra das metas é que un 70% da sociedade lea libros en galego de maneira habitual ou ocasional.
Neste contexto cómpre subliñar que na provincia da Coruña a porcentaxe de persoas que len libros é dun 62,9% e que entre esa poboación faino por lecer un 60,9%. Así mesmo é neste territorio no que se fai máis uso dos libros dixitais, empregando este soporte un 27% da cidadanía.

Calendario do libro en agosto
A da Coruña é a décima parada do circuíto que este ano inclúe no programa 13 localidades e que se enmarca no CulturON, o amplo abano de iniciativas culturais de todos os tipos e para todos os públicos impulsado neste verán pola Xunta con máis de 30 actividades diarias

A Feira do Libro da cidade herculina permanecerá aberta ao público nos xardíns de Méndez Núñez ata o 10 de agosto, de 11,00 a 14,00 horas e de e de 17,30 a 21,30 horas, con presentacións, sinaturas, mesas redondas, obradoiros e actividades infantís. Conta nesta edición con máis dun cento de autores e autoras e con 38 librarías e editoriais.
O calendario continuará durante este mes coas últimas paradas en Viveiro (do 12 ao 15 de agosto), en Foz (do 16 ao 19) e rematará en Monforte de Lemos (do 21 ao 24).
Hábitos lectores da poboación galega
En 2022 a lectura era o terceiro hábito cultural máis frecuente en Galicia, ocupando o 63,9% da poboación, por detrás de escoitar música (88,8%) e ver televisión (88,9%). Cómpre destacar tamén outro dato, o da porcentaxe actual de persoas lectoras entre a poboación de 14 ou máis anos, que se sitúa no 96,9% e alude a aquelas que len algún tipo de material, en calquera formato ou soporte, polo menos unha vez ao trimestre.
No que se refire especificamente á lectura de libros, se atendemos só a razóns de ocio, o 62,9% dos galegos le libros no seu tempo libre (é dicir, sen contar razóns de estudo ou traballo) polo menos unha vez ao trimestre e un 52,4% un mínimo dunha vez á semana. En canto á lingua, o 61,2% dos lectores maiores de 14 anos len en galego ben sexa de maneira habitual ou ocasionalmente.